Forte aumento de instruccións previas en Galicia - Forte aumento de instruccións previas en Galicia - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
Forte aumento de instruccións previas en Galicia
Os documentos notariais de instrucións previas experimentan un forte aumento en Galicia tras a pandemia e a aprobación da lei de eutanasia

21/01/2024
- Desde 2014, nas notarías galegas outorgáronse 5.716, o 44,7% deles nos tres últimos anos
A CORUÑA, 21 de xaneiro de 2024. Desde a pandemia, e máis aínda desde a entrada en vigor da Lei de Regulación da Eutanasia o 25 de xuño de 2021, experimentouse en notarías de Galicia un considerable aumento no outorgamento de Documentos de Instrucións Previas (DIP), mediante os que unha persoa pode consignar as pautas que deben seguirse cando a súa enfermidade lle impida comunicarse co equipo médico que debe decidir sobre o seu tratamento.
Dos 5.716 documentos notariais de Instrucións Previas tramitados nos 10 últimos anos, 2.554 rexistráronse nese trienio, un 44,7% do total, con aumentos sucesivos do 26,5% en 2021, 29% en 2022 e, a falta de computar os subscritos en decembro pasado, 23,5% en 2023. Ademais, nos dous últimos anos, a solicitude de eutanasia incluíuse no 63% e o 79% dos DIP, respectivamente.
O 65% das persoas outorgantes de Instrucións Previas son mulleres e o 35%, homes, e a súa media de idade é de 66 anos.

Ademais de dar a coñecer os datos que debuxan a situación actual, os expertos que participaron o pasado xoves na mesa redonda organizada na Coruña pola Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e o Colexio Notarial de Galicia puxeron de relevo os diversos aspectos ligados a estas disposicións legais, que responden ao desexo dunha persoa de non ser mantida indefinidamente con vida cando non hai posibilidades de recuperación e, deste xeito, evitar o seu sufrimento.
A vicedecana o Colexio Notarial, María José Gil Caballero, abundou nos principais apartados que configuran o Documento de Instrucións Previas:
O fundamental e obrigatorio é no que se dispoñen as instrucións que deben seguirse tanto nos coidados como no tratamento da enfermidade, é dicir, se o paciente desexa ou non que se lle manteña con vida.
Solicitude de eutanasia
En canto á solicitude de eutanasia consignada no devandito documento, a persoa debe cumprir os requisitos previstos na lei: ser maior de idade e ser capaz e consciente dos seus actos, ter a nacionalidade española ou residencia legal en España ou acreditar unha permanencia no país superior a 12 meses e sufrir unha enfermidade grave e incurable ou un padecemento grave, crónico e imposibilitante, certificados polo equipo médico responsable.
Se se designou “un representante de confianza”, tal como recomenda María José Gil, este será o interlocutor válido perante o responsable médico. Este último deberá certificar que o paciente se atopa nunha situación de incapacidade de feito e aplicar o previsto no documento de instrucións previas.
Un segundo apartado do DIP refírese ao destino do corpo e órganos tras o falecemento, como a doazón para transplantes ou a cesión para a investigación científica, entre outros supostos. Por último, inclúese a designación do citado representante e a opción de incluír un substituto en previsión de que aquel non estivese dispoñible.
O documento non ten un contido máximo, senón que pode recoller outras disposicións exclusivamente relacionadas co final da vida.
A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, sinalou que o sostido aumento dos DIP é mostra da “conciencia colectiva que os pacientes adquiriron sobre os seus propios dereitos” e da súa autonomía para tomar decisións sobre os seus coidados e a súa morte.
Rexistro e revisión do documento
Margarita Tasende, responsable do Rexistro Galego de Instruccións Previas, recomendou que todos a DIP realizados en notaría se inscriban logo no rexistro galego para que, en caso de necesidade, o persoal sanitario poida pescudar se un paciente posúe ese documento, coñecer o seu contido, incorporalo ao historial clínico e avisar ao representante que fose designado por el.
En relación coa eutanasia, fixo fincapé en que o DIP non pode ser ambiguo, senón que “ten que facer constar de forma expresa que se pide axuda para morrer”.
A presidenta da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia en Galicia, Nieves Molíns, referiuse á “dimensión ética” do labor médico e ao necesario “diálogo co paciente para coñecer e ter en conta os seus valores éticos, o seu modo de vida e as súas crenzas”.
A doutora Molíns incidiu así mesmo na conveniencia de que a persoa que outorga un DIP o revise e, no seu caso, actualice ao longo do tempo, dada a relevancia das disposicións que neles se conteñen.
Por último, José Luis Jiménez, médico e membro tamén da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia, insistiu en que o documento de instrucións previas debe ser “dinámico e revisarse con regularidade”. A este respecto, lembrou que é posible revogalo en calquera momento, e é un instrumento legal moi recomendable a calquera idade, tamén para as persoas mozas.
Saúdos,
Enrique de Ron
OFICINA DE PRENSA
Ilustre Colexio Notarial de Galicia
Arcebispo Lago, 12 - 15004 A Coruña
Móbil: 663 825 530 - www.galicia.notariado.org