Historia Do Colexio - Colegio Notarial de Galicia

Colexio
Historia do Colexio
O actual Colexio Notarial de Galicia foi creado en 1862, coa Lei do Notariado. Desde entón, e salvo por un período de dous anos, entre 1903 e 1905, no que se crearon colexios provinciais, o seu ámbito territorial sempre foi o da actual Comunidade Autónoma de Galicia.
O seu antecedente máis próximo é o Real Colexio de Escribanos da Cidade da Coruña, cuxas Constitucións datan de 1797. Coa citada Lei do Notariado, en 1862 créase o Colexio Notarial da Coruña, que conservou dita denominación ata 2002, ano en que por Orde do Ministerio de Xustiza do 24 de setembro, pasa a chamarse Colexio Notarial de Galicia.
A primeira sede oficial do Colexio estivo situada, desde 1866, no número dous da entón Praza da Constitución. Máis adiante, as oficinas e dependencias do colexio trasladáronse ao primeiro piso da casa sinalada actualmente cos números 72-74 da rúa de San Andrés, que máis adiante sería ocupado pola Peña Taurina Coruñesa.
En sesión celebrada o 15 de xaneiro de 1927, a Xunta Xeral do Colexio facultou á Xunta Directiva para adquirir e construír a Casa-Colexio, e o 7 de outubro do mesmo ano procedeuse á adquisición do solar, fronte ao Palacio de Xustiza que un ano antes empezara a construírse.
A obra estivo a cargo do construtor José Taboada Pan, segundo o proxecto que se lle encargara ao arquitecto Eduardo Rodríguez Losada. O edificio, de estilo ecléctico con incorporación de elementos modernistas, racionalistas e neoclasicistas, concluíuse en 1931, e ao ano seguinte efectuouse o traslado á actual sede.