"RISCOS CRÍTICOS" PARA A SEGURIDADE XURÍDICA - "RISCOS CRÍTICOS" PARA A SEGURIDADE XURÍDICA - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null "RISCOS CRÍTICOS" PARA A SEGURIDADE XURÍDICA

García Más alerta sobre "riscos críticos" para a seguridade xurídica

O xurista advirte de que as propostas do anteproxecto de Lei de Integridade Pública que afectarían ao labor notarial conlevan efectos moi negativos sobre o control de legalidade e do fraude fiscal

18/04/2026

A Coruña, 17 de abril de 2026. O xurista e notario de Tarancón (Conca), Francisco Javier García Más, advertiu onte na Coruña que eliminar a obrigatoriedade da escritura pública na transmisión de participacións sociais, substituíndoa por documentos privados con sinatura electrónica, tal como propón o Anteproxecto de Lei de Integridade Pública, “conleva riscos críticos” para a seguridade xurídica e o control da fraude.

García Más analizou na súa conferencia O principio notarial de inmediación. Cuestións a resolver na Lei 11/2023, do 8 de maio. A perda da seguridade xurídica no Anteproxecto de Lei Orgánica de Integridade pública pronunciada na sede do Colexio Notarial de Galicia, os desafíos actuais aos que se enfronta o Notariado, como a modernización dixital e os cambios lexislativos que inclúe o citado anteproxecto.

Respecto a este último, e en coincidencia co debate celebrado onte no Consello Xeral do Notariado, o experto xurista advertiu que, eliminar a escritura pública supoñería a perda do control de legalidade, ao debilitarse a verificación da identidade e a capacidade dos intervenientes; e a vulnerabilidade ante a fraude fiscal, ao eliminarse o filtro notarial, esencial para o control tributario e a prevención do branqueo de capitais.

Más subliñou que o seu punto de vista non obedece a “unha postura corporativista, senón que é unha defensa do sistema de seguridade xurídica que consagra a Constitución”, fronte a unha proposta de reforma que, de aplicarse, afastaríase tamén das tendencias actuais da Unión Europea e a OCDE, que reforzan o papel do documento público.

En consecuencia, o notario considera imprescindible modificar o anteproxecto neste apartado “para evitar que a cidadanía quede privada dun instrumento de garantía tan esencial como a fe pública notarial”.

Videoconferencia e inmediación notarial

Na súa conferencia, García Más se referiu tamén ao principio de inmediación notarial tras a entrada en vigor da Lei 11/2023, que permite asinar certos documentos notariais a través de videoconferencia. Segundo o experto, aínda que esta ferramenta representa un avance, o seu uso é "excepcional". Estímase que mentres o 80% das actuacións seguirán requirindo a presenza física para garantir a máxima seguridade, a videoconferencia cubrirá un 20% de supostos específicos.

 


Francisco Javier García Más é notario de Tarancón, doutor en Dereito e ex letrado adscrito da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, hoxe Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública.