Funcionamento - Colegio Notarial de Galicia

Academia de Opositores

Funcionamento

Na actualidade, a Academia está dirixida por Carmen Alicia Calaza López y María Isabel Louro García, que se encargan de coordinar o seu funcionamento en tres campos distintos: exposición oral de temas, actualización do temario e preparación de ditames.

EXPOSICIÓN ORAL DE TEMAS

Unha adecuada preparación do opositor esixe que poidan reproducirse as condicións do exame da forma máis exacta posible. As dúas primeiras probas da oposición consisten nunha exposición oral, durante unha hora, de distintos temas elixidos ao azar polo propio opositor.

É preciso, por tanto, que o aspirante se habitúe ás ríxidas normas esixidas polo Regulamento Notarial en canto ao tempo concedido para desenvolver os temas -xa que en ningún caso poderase exceder o citado límite de sesenta minutos-, así como en canto ao contido, que deberá axustarse ás distintas preguntas nas que o programa da oposición divide cada tema.

Unha das finalidades esenciais da Academia é a de asegurar que os distintos opositores que a integran poidan efectuar dita exposición oral coa periodicidade necesaria, unha vez á semana. Para iso, son divididos en grupos, que serán asignados aos notarios que forman a Academia, cada un dos cales tutelará a súa preparación ata que esta conclúe.

Na formación dos grupos téñense en conta dous criterios fundamentais: o xeográfico, buscando que o desprazamento do opositor sexa o mínimo posible, e o académico, procurando que o nivel do grupo sexa homoxéneo.

A colaboración de todos os membros da Academia consegue así garantir que calquera aspirante ao título de notario poida acceder a unha preparación idónea e á menor distancia xeográfica do seu domicilio.

ACTUALIZACIÓN DO TEMARIO

O notario ten entre as súas principais funcións a do control da legalidade, para o que é esencial o seu coñecemento exacto da lexislación vixente aplicable. Se ao notario, como profesional do dereito e funcionario, élle esixible este deber de actualización permanente dos seus coñecementos xurídicos, con maior motivo, ao que pretenda o título de notario non só lle é esixible acreditar os coñecementos suficientes, senón tamén a súa vixencia.

Na actualidade, a produción lexislativa incrementouse enormemente e, pola contra, a vixencia temporal de tales normas reduciuse notablemente.

Así pois, débese evitar por riba de todo que o opositor estude normas xa derrogadas ou temas que perderon a súa vixencia, polo que a Academia organizou un sistema de actualización permanente do temario por parte dos notarios que a integran, o que garante o acceso dos opositores a uns textos permanentemente renovados.

PREPARACIÓN DE DITAMES

O terceiro exercicio da oposición consiste na elaboración por escrito dun ditame sobre distintos problemas xurídicos.

Como xa indicamos anteriormente, o éxito da preparación consiste en tentar asemellar esta o máis posible ás condicións reais do exame, polo que a Academia ten establecido un sistema periódico de corrección de ditames mediante a lectura do redactado por cada opositor en presenza dos seus compañeiros e coa supervisión dun notario, co que se consegue a posta en común das argumentacións.