Presentación - Colegio Notarial de Galicia

Colexio
Presentación
O Colexio Notarial de Galicia, como o resto dos Colexios Notariais de España, é unha Corporación de Dereito público, amparada pola Lei e recoñecida polo Estado, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.
Son fins esenciais dos Colexios Notariais a ordenación do exercicio da profesión -sen prexuízo das atribucións do Goberno, o ministro de Xustiza e a Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública-, a representación exclusiva da profesión notarial, a defensa dos intereses profesionais dos colexiados e o cumprimento da función social que ao notario corresponde.
Os Colexios Notariais teñen atribuídas, con carácter xeral no seu ámbito territorial, as funcións de colaborar coa Administración a solicitude dela ou por propia iniciativa, estar representados nos seus consellos ou órganos consultivos cando cumpra, e organizar actividades e servizos de interese para os colexiados na orde formativa, cultural, asistencial e de previsión, entre outras.
O NOTARIO
O notario é un profesional do Dereito que exerce unha función pública para proporcionar aos cidadáns a seguridade xurídica que auspicia a Constitución (art. 9º) no ámbito do tráfico xurídico extraxudicial.
O notario posúe unha formación xurídica profunda, contrastada e constantemente actualizada, e é seleccionado mediante unhas rigorosas oposicións que esixen unha ardua preparación.
En España hai uns 2.900 notarios repartidos por todo o territorio, polo que sempre é doado atopar algún preto do propio domicilio. Os Colexios apoian aos notarios na súa función e controlan a súa actuación, baixo a supervisión do Ministerio de Xustiza.
UNIÓN INTERNACIONAL DO NOTARIADO LATINO
O notariado español está integrado na Unión Internacional do Notariado Latino, unha Organización non Gobernamental que agrupa a máis de 75 países de Europa, Latinoamérica, África e Asia constituída para promover, coordinar e desenvolver a función e a actividade notarial no mundo, asegurando, mediante a estreita colaboración entre os notariados, a súa dignidade e independencia para prestar un mellor servizo á persoa e á sociedade.