XORNADAS SOBRE DISCAPACIDADE NO PARLAMENTO DE GALICIA - XORNADAS SOBRE DISCAPACIDADE NO PARLAMENTO DE GALICIA - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
Discapacidade: debate, luces e sombras dunha lei necesaria
Xuristas e asociacións debaten sobre as vantaxes e eivas legais para que as persoas con discapacidade poidan exercer a súa capacidade xurídica - Críticas sobre os ingresos involuntarios, funcionamento das medidas de apoio, regulación da garda de feito e “efectos colaterais” negativos no eido fiscal

19/06/2026
Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2026. Xuristas, colectivos de atención á discapacidade e afectados acudiron onte e hoxe ao Parlamento de Galicia ás xornadas Os dereitos fundamentais das persoas con discapacidade, nas que debateron sobre as vantaxes e eivas da Lei 8/21, que pretende garantir que ese colectivo poida exercer a su plena capacidade xurídica, e que este ano cumpre cinco anos.
Ao comezo das xornadas, organizadas polo lexislativo autonómico, a Fundación Aequitas do Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia, e inauguradas polo titular da Cámara, Miguel Ángel Santalices, o decano José María Graíño salientou que a Lei 8/21 é un punto de inflexión, por canto facilita que as persoas con discapacidade, mediante os apoios necesarios, exerzan a súa capacidade xurídica en igualdade e alcancen así a súa plena integración social.
Trátase dun “cambio de paradigma” que supera o enfoque médico e a incapacitación tradicional, e avanza cara a un modelo social baseado na autonomía da vontade e na toma de decisións.
A este respecto, afirmou que a creación, en 2024, do Foro de Discapacidade de Galicia, que reúne a representantes xurídicos, administrativos e do terceiro sector, pretende unha visión “colaborativa e multidisciplinar” que permita articular en toda a comunidade “unha rede de apoios ás persoas que os precisen”.
O vicepresidente do Consello Xeral do Notariado, Jorge Prades, en representación da presidenta da institución, Concepción Pilar Barrio del Olmo, afirmou que "a lei é un reto para a profesión notarial ", que considera "imprescindible aplicar esta reforma en defensa da dignidade das persoas".
Pola súa banda, a fiscala superior de Galicia, Carmen Eiró, destacou que "un Estado de dereito configúrase como tal cando pode garantir que as persoas viven con igualdade e dignidade". No acto inaugural participou tamén o maxistrado delegado de Discapacidade do Consello Xeral do Poder Xudicial en Galicia, Germán Serrano.
Críticas aos ingresos involuntarios
Na conferencia inaugural, Gonzalo A. López Ebri, patrón da Fundación Aequitas, coordinador dos foros autonómicos de discapacidade e de longa traxectoria como fiscal na defensa dos dereitos das persoas con diversidade funcional, denunciou a histórica desprotección xurídica que sofren as persoas no relativo aos ingresos involuntarios psiquiátricos ou residenciais
Criticou con dureza que, desde 1983, a regulación da privación de liberdade deste colectivo dependa dun só artigo na Lei de Axuizamento Civil, sen rango de Lei Orgánica, e que se lles prive de garantías procesuais como a asistencia de letrado antes dun ingreso involuntario, “algo que sería impensable no ámbito penal”, puxo como comparación.
Arremeteu tamén contra o “desamparo patrimonial no ingreso residencial”, xa que o control xudicial limítase a autorizar ou non o ingreso, pero desatende por completo o patrimonio do afectado (vivenda, contas e bens domésticos). Engadiu que, ao non realizarse un inventario, xérase un baleiro legal que propicia situacións de espolio por parte de terceiros.
Medidas de apoio e garda de feito
Nesta primeira xornada participaron tamén representantes de entidades como Feafes, Aspace e Sálvora e persoas con discapacidade acollidas a medidas voluntarias de apoio que expuxeron a súa experiencia. A notaria subdelegada de Aequitas en Galicia, Lucía Cagigas, lembrou que esas medidas facilitan a toma de decisións das personas con discapacidade.
O encontro repasou tamén a figura da garda de feito, é dicir, o apoio informal e coidados que prestan familiares ou achegados, sen un nomeamento formal ou xudicial previo, ás persoas con discapacidade.
María José Segarra, fiscal de sala coordinadora de Persoas con Discapacidade e Maiores, referiuse á falta de concienciación por parte de administracións públicas e empresas e ao seu exceso de esixencias de papelame ou formalidades innecesarias.
Inmaculada Espiñeira, notaria de Santiago, incidiu nos aspectos legais que atinxen a esta figura informal, como a posibilidade de acreditala mediante una acta de notoriedade, e agradeceu a flexibilidade e creatividade amosada polos xuíces na interpretación da Lei 8/21 nas súas resolucións ao respecto.
A elas aludiu o delegado de Discapacidade do CXPX en Galicia, Germán Serrano, quen citou varias sentenzas que avalan a figura do gardador para protexer dereitos, pensións e contratos do asistido. Concluíron que, no ámbito familiar e xudicial, a garda de feito gaña terreo como ferramenta eficaz e protectora no día a día.
Efectos colaterais negativos
A xornadas remataron hoxe cun amplo debate sobre os desaxustes e carencias que, tras case cinco anos de vixencia, amosa a Lei 8/21.
Os representantes de Fademga Plena Inclusión Galicia, Miguel López, e a asociación Líber, Luis Gonzaga, criticaron a falta de previsión respecto á realidade heteroxénea do colectivo ao que se pretende axudar, especialmente en casos de discapacidade intelectual.
Sinalaron tamén que, aínda que a lei demanda que os apoios á discapacidade sexan de calidade, non establece axudas económicas para financiar eses servizos profesionais, o que traslada unha carga, a miúdo insostible, ás familias.
Precisamente en relación con ese aspecto, subliñaron “efectos colaterais negativos” da aplicación práctica da lei no aspecto económico e que se refiren á Seguridade Social e á Axencia Tributaria.
Por unha banda, produciuse unha equiparación coa xa desaparecida tutela, e só se recoñece o grao de discapacidade a quen están suxeitos a unha curatela representativa, deixando fóra outras situacións.
Esta circunstancia provoca que moitas persoas que, grazas á lei, recuperaron a súa capacidade xurídica ou iniciaron procesos de restitución viron tamén minguados os seus ingresos debido á nova configuración do acceso a prestacións, axudas e beneficios fiscais.
A directora da Fundación Aequitas, Almudena Castro-Girona, interveu neste punto do debate para poñer en evidencia este desaxuste entre a legalidade e a realidade: “a ningún xurista pódelle caber na cabeza que unha administración prive a alguén dun dereito adquirido”.
O notario de Vigo José Luis Espinosa coincidiu co diagnóstico dos representantes asociativos e, no plano xurídico, engadiu que, despois de cinco anos, unha reforma deste alcance “debería comportar unha adaptación lexislativa máis ampla que non se realizou”.
A xornada culminou cun debate no que participaron, ademais de Castro-Girona, o maxistrado da Sala Primeira do Tribunal Supremo, José Luis Seoane Spiegelberg, e o fiscal delegado de Protección de Persoas Maiores e con Discapacidade, Santiago Miguel, e que foi moderado polo director adxunto de Aequitas, Francisco González.
Función notarial e seguridade xurídica
A directora de Aequitas subliñou que o notariado asume un rol fundamental para outorgar forma xurídica á vontade da persoa, garantindo que o exercicio dos seus dereitos sexa seguro sen necesidade de recorrer a procesos xudiciais.
Os relatores debateron sobre aspectos controvertidos, como a necesidade de evitar que os mecanismos de apoio ás persoas que os requiran poidan, na práctica, acabar limitando a liberdade do individuo en lugar de promovela.
Tamén coincidiron en sinalar o risco de que se poidan aplicar solucións legais "estándar" ou de "talla única" no canto do “traxe a medida” que esixe cada persoa e cada tipo de discapacidade. Calquera medida que non estea personalizada “é potencialmente inxusta ou ineficaz”, afirmaron.
Compromiso parlamentario
No acto de clausura, o presidente do Parlamento reafirmou o compromiso da institución cos dereitos das persoas con discapacidade. “Como institución que representa a vontade democrática do pobo galego, temos a responsabilidade de promover un marco normativo que favoreza a igualdade de oportunidades, pero tamén temos o deber de escoitar", resaltou Miguel Ángel Santalices.