Constitución do Foro Galicia de Discapacidade - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Eventos
Buscador
23 out. 2024
Celebrado
Sede do Colexio Notarial de Galicia. Rúa Arcebispo Lago, 12 (A Coruña).
Constitución do Foro Galicia de Discapacidade
O Colexio Notarial acollerá o 23 de outubro o acto de constitución do Foro Galicia de Discapacidade

O Colexio Notarial de Galicia acollerá o próximo 23 de outubro na súa sede da Coruña a constitución do Foro de Galicia de Discapacidade, no curso dunha reunión organizada conxuntamente pola Fundación Aequitas do Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia.
O Foro Galicia de Discapacidade ten por obxecto coñecer e analizar a situación actual da protección dos dereitos das persoas con discapacidade e das persoas maiores vulnerables; establecer vías de colaboración entre os distintos profesionais que interveñen para lograr tal protección; examinar a aplicación das normas que afectan as persoas con discapacidade; propoñer reformas lexislativas; e detectar posibles necesidades de formación ou capacitación dos profesionais relacionados coa abordaxe da discapacidade.
Na reunión, presidida pola directora de Aequitas, Almudena Castro Girona, e o decano José María Graíño Ordóñez, trasladarase a todos os presentes o ofrecemento de colaboración do Colexio Notarial de Galicia e da Fundación Aequitas en calquera actividade que redunde na mellora da protección dos dereitos das persoas con discapacidade e das persoas maiores vulnerables.
Ao encontro confirmaron xa a súa asistencia, entre outras autoridades e profesionais do ámbito xurídico, administrativo e asociativo invitados ao acto, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fernando Suanzes, fiscal Superior de Galicia, Fernando de Andrés Alonso, secretario xeral e responsable da área de Inclusión Social da Valedora do Pobo, José Tronchoni Albert, director xeral de Xustiza, Luciano Fernández Pintor, presidente de CERMI Galicia, Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade, Ignacio Picatoste Sueiras, presidente da Audiencia Provincial da Coruña, Miguel Santiago Cruces, fiscal delegado autonómico de Discapacidade, Germán Serrano Espinosa, xuíz decano de Vigo e delegado de Discapacidade da Sala de Goberno do TSJG, Francisco Brea Santiago, coordinador de FUNGA, e Pilar Paz García, asesora xurídica FADEMGA (Plena Inclusión Galicia).
Lugar: Sede do Colexio Notarial de Galicia. Rúa Arcebispo Lago, 12 (A Coruña).
Hora: 18.00.