A compravenda de vivendas por estranxeiros medran un 14,8 en Galicia no medio dunha caída xeneralizada - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
A compravenda de vivendas por estranxeiros medran un 14,8% en Galicia no medio dunha caída xeneralizada
Comparativa 1º semestre 2023 – 1º semestre 2022

11/10/2023
- O descenso medio das operacións no conxunto das autonomías foi do 7,5%
- O prezo do metro cadrado pagado por estranxeiros en Galicia só aumentou un 1% interanual
- Franceses, portugueses e alemáns foron os non residentes máis compradores na comunidade galega, e portugueses e italianos entre os que residen nela

A Coruña, 11 de outubro de 2023. A compravenda de vivenda libre por estranxeiros aumentou en Galicia un 14,8% interanual na primeira metade de 2023, a segunda das catro autonomías que pecharon este período cun incremento no número de operacións, e que para a comunidade galega supón o sexto semestre consecutivo.
Se se analiza a serie estatística a máis longo prazo obsérvase que, desde 2013, a compravenda por estranxeiros non deixou de crecer en Galicia ano a ano e semestre a semestre, salvo no primeiros seis meses de 2020, lastrados polo confinamento por mor da pandemia.
Segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CIEN), no primeiro semestre de 2023 efectuáronse en Galicia 821 operacións de compravenda, fronte ás 715 do mesmo período de 2022.
Caída xeneralizada dun 7,5%
No conxunto de España, a caída no número de operacións foi dun 7,5% fronte ao aumento alcanzado no últimos catro semestres. Aínda así, as compravendas efectuadas por estranxeiros representaron un 21,4% do total das realizadas en todo o Estado, a cifra máis alta da que se ten rexistro.
Os estranxeiros residentes realizaron o 56,8% das compravendas, que diminuíron un 3,4% interanual. O restante 43,2% das operacións foron efectuadas por non residentes, e se desaceleraron un 12,4%.
Por comunidades autónomas, a compravenda de vivenda libre por compradores estranxeiros caeu en 13 delas e aumentou só en catro: Asturias (27,7%), Galicia (14,8%), Murcia (5,5%) e Comunidade Valenciana (1,3%).
Tras delas, houbo descensos inferiores á media estatal (-7,5%) en Aragón (-3,3%), Cataluña (-4,2%) e Castela e León ( 4,8%). As maiores caídas rexistráronse en Baleares (-32,0%), Navarra (-19,7%) e Andalucía (-15,3%), mentres que no País Vasco (-13,3%), Canarias (-12,6%), Castela-A Mancha (-12,5%), Comunidade de Madrid (-11,5%), A Rioxa ( 11,1%), Cantabria (-9,9%) e Estremadura (-9,2%) rexistráronse descensos máis moderados.

Diferencias nos prezos por tipo de comprador e autonomía
O prezo medio das operacións realizadas por compradores estranxeiros na primeira metade de 2023 situouse en Galicia en 975 €/m2, só un 1% interanual máis ca no mesmo semestre de 2022, en tanto que o incremento medio estatal foi do 1,3%, cun prezo medio de 2.095 €/m2.
No conxunto das comunidades autónomas, os estranxeiros non residentes seguen pagando maiores importes polas súas vivendas (2.598 €/m2) ca os residentes (1.676 €/m2) e os españois (1.574 €/m2). O prezo medio pago por estranxeiros non residentes aumentou un 2,8% interanual e o dos residentes un 2,9%. O comprador español sitúase por baixo de ambos os ao cifrar un incremento do 0,7% na primeira metade do ano.
Os prezos aumentaron en 14 autonomías e diminuíron en tres. Os incrementos alcanzaron taxas de dous díxitos en: Estremadura (12,3%), Cantabria (11,1%) e Murcia (10,2%). Cun crecemento máis moderado pero maior que a media nacional (1,3%) situáronse Canarias (8,4%), Cataluña (7,9%), Madrid (7,7%), Castela e León (6,1%), Comunidade Valenciana (5,2%), País Vasco (4,2%), A Rioxa (4,1%), Andalucía (3,2%) e Baleares (1,9%). Doutra banda, Galicia (1,0%) tivo un crecemento menor que a media estatal pero maior que Aragón (-7,4%), Navarra (-2,6%), Castela-A Mancha (-1,5%) e Asturias (-0,4%), que rexistraron caídas.

Franceses e portugueses protagonizan as compravendas en Galicia
Segundo nacionalidade e autonomía, franceses e portugueses protagonizaron a maior porcentaxe de compravendas entre estranxeiros non residentes en Galicia, cun 15% do total de operación cada un, seguidos polos alemáns cun 10% do total.
Entre os estranxeiros residentes, os nacionais de Portugal e Italia foron os principais compradores na comunidade galega, cun o 12% e un 7% das operación, respectivamente.
Os británicos continúan liderando as compras na primeira metade de 2023
Por nacionalidade, o grupo de estranxeiros que máis vivendas adquiriu foi o de nacionalidade británica, co 9,6% das operacións totais (6.498), seguido por alemáns (8,1%) e marroquís (7,3%). O grupo de nacionalidades que engloba ao resto de estranxeiros de fóra da UE supuxo o 12,8%.
Aínda que por primeira vez en dous anos diminuíron as compravendas por estranxeiros de todas as nacionalidades, no caso dos rusos (50,2%), ucraínos (41,6%) e estadounidenses (13,6%) verifícase un aumento na adquisición de vivenda en comparación co primeiro semestre de 2022.
Mentres, os maiores prezos medios por metro cadrado foron abonados polos compradores de Suecia (3.036 €/m2), Dinamarca (2.930 €/m2), EE.UU. (2.921 €/m2), Suíza (2.812 €/m2), Alemaña (2.724 €/m2) e Noruega (2.584 €/m2). Tamén superaron o prezo medio pago polo conxunto de estranxeiros (2.094 €) os compradores de Rusia, Francia, Italia, Países Baixos, Bélxica e Irlanda. Os menores prezos foron pagados por marroquís (689 €/m2), romaneses (1.086 €/m2) e ecuatorianos (1.335 €/m2).
Os prezos que máis creceron foron os das compravendas realizadas por rusos (15,2%) seguidos dos suecos (11,9%) e ecuatorianos (11,0%). Doutra banda, os países que tiveron un descenso nos prezos pagos foron Noruega ( 4,3%), Países Baixos (-2,7%), Romanía (-1,1%) Marrocos (-0,6%) e Portugal (-0,5%).
Analizando por un criterio de residencia e autonomía, observouse que de novo os franceses superaron neste semestre aos alemáns e estadounidenses e lideraron a cota de compravendas entre estranxeiros non residentes en Aragón, Castela e León, Cataluña, Estremadura, Galicia, Navarra e País Vasco.
Os alemáns foron os principais compradores en Baleares, Canarias e empatados cos estadounidenses en Cantabria, que tiveron o liderado na compra de vivenda tamén en Castela a Mancha e A Rioxa. Os británicos foron os que máis adquiriron inmobles en Andalucía e Murcia mentres que en Asturias, Comunidade Valenciana, Madrid e Galicia, os arxentinos, belgas, chineses e portugueses foron os principais compradores respectivamente.
Entre os estranxeiros residentes, os nacionais de Marrocos e Romanía foron os principais compradores en case todo o país, salvo en Galicia e os arquipélagos, onde a cota de compradores portugueses, alemáns e italianos foi maior.
