A compravenda de vivenda cae en Galicia un 10,9 cos prezos á baixa e un descenso do 29,8 nas hipotecas - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null A compravenda de vivenda cae en Galicia un 10,9 cos prezos á baixa e un descenso do 29,8 nas hipotecas

A compravenda de vivenda cae en Galicia un 10,9% cos prezos á baixa e un descenso do 29,8% nas hipotecas

Comparativa xullo 2023 - xullo 2022

14/09/2023
  • Foi a cuarta comunidade con maior caída dos préstamos hipotecarios, que financian pouco mais da terceira parte das operacións de compravenda

A Coruña, 14 de setembro de 2023. En xullo de 2023, con respecto a xullo de 2022, a compravenda de vivendas volveu descender en Galicia por cuarto mes consecutivo (un 10,9%), o prezo do m² reduciuse un 6,6% e os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda caeron un 29,8%, segundo os datos do Centro de Información Estatística do Notariado (CIEN).

 

En xullo pasado contabilizáronse na comunidade autónoma 2.032 compravendas. Segundo o tipo de vivenda, 1.471 delas foron pisos (un 8,8% menos), e 561, unifamiliares, un 15,9% menos ca un ano antes. No conxunto de España, as compravendas de vivenda diminuíron un 18,4% interanual: un 18,6% os pisos e un 18% as unifamiliares.

 

A compravenda de vivenda decreceu en todas as autonomías: Cantabria (-2,0%), Castela e León (-3,7%), Castela-A Mancha (-10,6%), A Rioxa (10,6%), Galicia (-10,9%), Asturias (-11,8%), Estremadura (-12,8%), Murcia (-13,5%), Aragón (-16,8%), Madrid (-16,9%), Cataluña (-17,6%) e Comunidade Valenciana (18,3%), Andalucía (-21,5%), País Vasco (27,4%), Baleares (-30,7%), Navarra (-35,3%) e Canarias.

 

Nova caída dos prezos

Ademais das compravendas, tamén os prezos levan catro meses seguidos de baixadas en Galicia. En xullo pasado reducíronse un 6,6% respecto ao mesmo mes de 2022, en tanto que a media estatal rexistrou un descenso do 4,6%,.

 

O custo medio do m² en xullo na Comunidade galega, foi de 994 euros, aínda que segundo o tipo de vivenda as diferenzas foron notables: o prezo dos pisos aumentou un 2,9% interanual ata situarse nos 1.366 €/m², mentres que o custo das unifamiliares caeu un 20,5% en comparación co ano anterior, ata os 598 €/m².

 

No escenario autonómico, só Baleares (18,7%) rexistrou unha suba de dous díxitos, mentres que no País Vasco (7,1%), Comunidade Valenciana (4,9%), Navarra (3,0%), A Rioxa (1,0%) e Cataluña (0,4%) rexistráronse subidas máis moderadas.

 

Os prezos caeron en 11 comunidades autónomas: Castela e León (-13,0%), Estremadura (-9,5%), Aragón (-9,0%), Galicia (-6,6%), Asturias (-6,2%), Madrid (-3,8%), Canarias (-3,6%), Castela-A Mancha (-2,2%), Andalucía (-0,6%), Murcia (-0,1%) e Cantabria (-0,1%).

 

Diminución dos préstamos para adquisición de vivenda

En xullo, os préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda decreceron un 25,7% interanual en España e un 29,8% en Galicia, a cuarta comunidade con maior caída neste capítulo. Asináronse 940 operacións, nas que a contía media foi de 113.995 euros, un 2,6% menos que en xullo de 2022, e só pouco máis dun terzo (o 35,6% das compravendas financiouse mediante hipoteca, fronte a un 45,9% de media estatal.

 

Ademais, neste tipo de compras con financiamento, a contía do préstamo supuxo en Galicia de media o 73,3% do prezo total do inmoble.

 

Os préstamos hipotecarios para vivenda non aumentaron en ningunha autonomía. Decreceron menos que a media nacional en Cantabria (-13,4%), Estremadura (-17,7%), Castela-A Mancha (-20,5%), Madrid (21,5%), Canarias (-22,4%), Murcia (-23,8%), Asturias (-24,7%) e Andalucía (-24,7%). Os descensos foron superiores á media nacional noutras nove autonomías: Navarra (-34,9%), Castela e León (-33,2%), País Vasco (-32,8%), Galicia (-29,8%), Cataluña (-28,3%), Aragón (-28,2%), Comunidade Valenciana (-26,7%), Baleares (-26,6%) e A Rioxa (-26,0%).

 

En canto á contía media destas hipotecas, a evolución seguiu sendo dispar, pois creceu en cinco e decreceu en 12 comunidades.

 

Incremento da constitución de sociedades

Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado tamén revelan que en xullo de 2023 constituíronse en Galicia 298 sociedades, o que supón un aumento interanual do 5,6%, lixeiramente por riba do 5,1% rexistrado no conxunto do Estado.

 

A creación de novas sociedades incrementouse en 13 autonomías, destacando as alzas en Estremadura (26,6%), Cataluña (15,2%) e o País Vasco (14,3%), e diminuíu en catro: Madrid (-7,0%), Cantabria (-5,8%) e Navarra (-4,1%).

 

Os datos dos últimos tres meses das series desta nota son provisionais ata dispoñer do 100% da información con que se elaboran estes informes.

Documentos

Download Compravendas, préstamos e sociedades Galicia - Xullo 2023.doc