As notarías de Galicia tramitaron nos últimos oito anos 72.340 declaracións de herdeiros de persoas falecidas sen testamento - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null As notarías de Galicia tramitaron nos últimos oito anos 72.340 declaracións de herdeiros de persoas falecidas sen testamento

As notarías de Galicia tramitaron nos últimos oito anos 72.340 declaracións de herdeiros de persoas falecidas sen testamento

VIII ANIVERSARIO DA LEI DE XURISDICIÓN VOLUNTARIA

31/07/2023
  • Desde 2015 celebráronse ante notario 2.678 vodas e asináronse 3.807 separacións e divorcios

A CORUÑA, 31 de xullo de 2023. As notarías de Galicia tramitaron nos últimos oito anos, desde a entrada en vigor da Lei de Xurisdición Voluntaria (LXV) en xullo de 2015, un total de 72.340 declaracións de herdeiros de persoas falecidas sen testamento, o que se coñece como ab intestato.

Tal volume de expedientes supón o 10,2% de todos os que se asinaron nese tempo en toda España (707.858 actas), unha porcentaxe moi alta tendo en conta que a poboación galega representa un 5,6% do total.

Ata a entrada en vigor da Lei, os notarios só tiñan competencia para declarar como herdeiros ab intestato a ascendentes, descendentes e cónxuxes da persoa falecida. Coa nova lei, viron ampliadas as súas competencias aos parentes colaterais, como irmáns, sobriños, tíos ou curmáns.

Maior porcentaxe de asuntos sucesorios

Ao abeiro da Lei, que permite realizar certos trámites perante notario no canto de ter que acudir ao xulgado, desde 2015 efectuáronse nas notarías da comunidade autónoma 81.741 actos notariais, descargando volume de traballo das oficinas xudiciais e asegurando unha maior facilidade e axilidade na resposta ás demandas dos cidadáns coa mesma seguridade xurídica.

Segundo a estatística notarial, destes 81.741 actos de xurisdición voluntaria realizados desde 2015 en Galicia, 74.022 foron de carácter sucesorio (o 90,5%), e deles, o 97.7% correspóndense coas declaracións de herdeiros ab intestato citadas.

O enorme peso dos actos sucesorios -ligados a unha elevada taxa de mortalidade- converten á Comunidade galega na cuarta con maior número de expedientes de xurisdición voluntaria e a terceira (só por detrás de Asturias e Aragón) segundo o seu volume de poboación: 30,3 asuntos por cada mil habitantes fronte a unha media estatal do 19 por mil, sobre un total de 902.619 actos tramitados en España.

Vodas, separacións e divorcios

En canto aos actos de familia, foron 7.435 os rexistrados desde xullo de 2015 en Galicia, e representan só un 4,3% dos 170.041 asinados en toda España. Nestes oito anos casaron 2.678 parellas nas notarías galegas e outras 3.807 asinaron a súa separación ou divorcio. A estas cifras hai que engadir 906 expedientes matrimoniais previos -que se poden tramitar perante notario desde abril de 2021- e 44 modificacións de convenios reguladores.

O ano pasado acadouse na comunidade galega o rexistro máis alto desde a entrada en vigor da lei, con 743 vodas (un 28,3% máis ca en 2021) e 615 separacións e divorcios (un aumento do 7,7%).

   

Saúdos,

     Enrique de Ron

 

OFICINA DE PRENSA
Ilustre Colexio Notarial de Galicia
Arcebispo Lago, 12 - 15004 A Coruña

 

Documentos

Download NP Declaracións de herdeiros, matrimonios e divorcios 2015-2023.doc