José María Graíño Ordóñez, reelixido decano do Colexio Notarial de Galicia - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null José María Graíño Ordóñez, reelixido decano do Colexio Notarial de Galicia

José María Graíño Ordóñez, reelixido decano do Colexio Notarial de Galicia

  • A nova xunta directiva avanzará na adaptación ás novas realidades sociais e tecnolóxicas para proporcionar á cidadanía a seguridade xurídica nos proxectos que emprendan

José María Graíño, decano do Colexio Notarial de Galicia
18/11/2024

A CORUÑA, 18 de novembro. Os notarios e notarias do Colexio Notarial de Galicia reelixiron a José María Graíño Ordóñez como decano para o próximos catro anos, no que será o seu segundo mandato á fronte da institución. Nacido en Ponteceso (A Coruña) en 1958, é notario desde 1987 e exerce no municipio pontevedrés de Caldas de Reis.

Acompañarán ao decano na xunta directiva María José Gil Caballero, notaria da Coruña, como vicedecana; Montserrat Trigo Maior, notaria de Lugo, como censora primeira; María Elena Loira Pastoriza, notaria de Cambados, como censora segunda; Santiago Botas Ramos, notario de As Pontes de García Rodríguez, como tesoureiro; e María del Carmen Carreira Simón, notaria de Melide, como secretaría.

O decano agradeceu, en nome de todos os membros da xunta directiva, os apoios e a confianza recibidos dos seus compañeiros de profesión.

“Asumimos esta etapa coa intención de contribuír á prestación do servizo notarial da mellor maneira, adaptándonos ás novas realidades sociais e tecnolóxicas e proporcionando á cidadáns seguridade xurídica, certeza, estabilidade e tranquilidade en cuantos proxectos persoais, familiares e empresariais aborden ao longo da súa vida”, subliñou Graíño.

 

159 profesionais en exercicio 

En Galicia exercen 159 notarias e notarios que dan servizo a 2.706.953 persoas. De novembro do 2023 a outubro de 2024 as notarías galegas autorizaron 355.806 escrituras públicas que quedaron recollidas nos seus correspondentes protocolos electrónicos.  

Os servizos notariais máis solicitados neste mesmo período foron testamentos unipersoais abertos (44.396), compravendas de inmobles (43.197), apoderamentos e/o autorizacións (22.952), adxudicacións por título sucesorio con ou sen liquidación de comunidade conxugal (22.546) e actas de transparencia (15.862).

Desde a entrada en vigor da Lei 11/2023, o Notariado atópase inmerso nun proceso de dixitalización que, entre outros aspectos, permite que cidadáns e empresas poidan dispoñer de copias electrónicas dos seus documentos notariais e intercambialas ou envialas ás entidades que llas soliciten, así como solicitar a presentación a través de Internet dunha serie de servizos notariais.

Os notarios presentan os seus servizos dixitais directamente na Sede Electrónica Notarial, desenvolvida polo Centro Tecnológico del Notariado. Este espazo está equipado coas máximas medidas de seguridade e obtivo a certificación de nivel alto do Esquema Nacional de Seguridad (ENS), un estándar co que conta un número moi limitado de organismos.

O Portal Notarial do Cidadán é a vía de acceso para cidadáns e empresas á Sede Electrónica Notarial. Actualmente, máis de 460.000 persoas físicas e xurídicas xa están rexistradas neste portal.