Cinco notarios e tres notarias de novo ingreso toman posesión das súas prazas - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null Cinco notarios e tres notarias de novo ingreso toman posesión das súas prazas

Cinco notarios e tres notarias de novo ingreso toman posesión das súas prazas

Os integrantes da nova promoción exercerán o seu labor nos concellos coruñeses de Ferrol, Cedeira, San Sadurniño e Muxía, os ourensáns de Allariz, Viana do Bolo e Pobra de Trives e o lucense de Quiroga

14/05/2025

A Coruña, 14 de maio. Cinco notarios e tres notarias da promoción de 2024 tomaron hoxe posesión dos seus cargos nun acto celebrado na sede do Colexio Notarial de Galicia, na Coruña.
A cerimonia foi presidida polo decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño Ordóñez, a quen acompañaba o director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, e os membros da xunta directiva colexial.

Catro dos novos notarios e notarias incorporaranse aos seus destinos na provincia da Coruña  e outros tres na de Ourense, ás que se suma unha praza en Quiroga (Lugo):

Ferrol, Adriana Boyer Lillo

Cedeira, Fernando Frías Fontes

San Sadurniño, José Francisco Bódalo Lorente

Muxía, Andrés García-Bengochea Hernández

Quiroga, John Pérez Sánchez

Allariz, Paula Ulla Campos

Viana do Bolo, Álvaro Álvarez Guerra

Pobra de Trives, Míriam Císcar Estruch


Promoción de 2024

A presenza de mulleres vén incrementándose nas últimas promocións, de maneira semellante ao que ocorre noutras profesións xurídicas nas súas probas de acceso. Nesta ocasión, tomaron posesión das súas prazas nas 17 comunidades autónomas 51 mulleres (o 55,44% do total) e 41 homes.

Os 92 notarios e notarias que superaron as probas, que se celebraron en 2024 no Colexio Notarial de Cataluña, supoñen o 11,6% dos 796 opositores que concorreron a elas. A media de idade dos aprobados foi de 30 anos.

A dureza e esixencia destes exames de acceso reflíctese nos cinco anos de media que investiron na súa preparación os que os aprobaron, e a maioría presentouse en máis dunha ocasión.

Coa nova promoción son xa preto de 3.000 as notarias e notarios que exercen en vilas e cidades de toda España, segundo os criterios que establece o Ministerio de Xustiza, do que dependen na súa condición de funcionarios públicos.

Crónica do acto solemne

O notario de Vigo Pablo Rueda Rodríguez-Vila encargouse   de abrir o acto cunha intervención na que resaltou  o papel do notario como depositario da confianza dos cidadáns que acoden a el coas máis variadas necesidades e solicitudes.

Rueda referiuse  ás peculiaridades que reviste en Galicia o desempeño da función notarial e puxo de manifesto o desenvolvemento persoal e profesional que achega a profesión.

Destacou, ademais, a viveza dunha profesión secular na que “todo segue igual e, ao mesmo tempo, todo está a cambiar”, posto que os actuais fedatarios públicos incorporan á súa actividade diaria os máis modernos medios telemáticos, á vez que conviven co papel timbrado, creado en España en 1637 como fonte de ingresos para a facenda pública.

Tras a entrega das insignias e diplomas aos oito notarios e notarias que comezan a súa andaina profesional en Galicia, tomou a palabra en nome de todos eles o novo notario de Cedeira, Fernando Frías Fontes, o máis novo da promoción de 2024.

Frías expuxo a súa concepción da función notarial como un vínculo permanente entre o persoal e o profesional, e ilustrou coa soada frase “quen non vive para servir, non serve para vivir” a vocación de servizo á cidadanía que debe guiar o exercicio do labor notarial.

Pechou o acto o decano do Colexio galego, quen fixo fincapé no principio de seguridade xurídica preventiva en que se funda a actividade notarial, a atención permanente aos cidadáns, a formación e aprendizaxe continuados e a imprescindible colaboración entre compañeiros e coas institucións notariais.