Galicia lidera o aumento en compravenda de vivendas, hipotecas e prezos - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null Galicia lidera o aumento en compravenda de vivendas, hipotecas e prezos

Galicia lidera o aumento en compravenda de vivendas, hipotecas e prezos

As operacións inmobiliarias incrementáronse en abril un 14,4%; a concesión de hipotecas, un 24,3%; e o custo do m² disparouse un 19,1%

26/06/2025

A Coruña, 26 de xuño de 2025. En abril de 2025, con respecto a abril de 2024, Galicia rexistrou o maior aumento de todas as comunidades autónomas en compravenda de vivendas, un 14,4%, e en concesión de préstamos hipotecarios para adquirilas, un 24,3%. Ademais, protagonizou a maior subida do prezo do m², que se disparou un 19,1% interanual.

O comportamento do mercado inmobiliario galego nese mes contrasta fortemente cos moito máis reducidos incrementos medios estatais: un 1,3% en compravendas, un 9,4% en préstamos hipotecarios e un encarecemento do 5,5% no custo do m².

Máis compravendas a maior prezo

O pasado mes de abril efectuáronse en Galicia 2.761 compravendas de vivenda, un 14,4% máis que no mesmo mes do ano anterior, e o prezo medio situouse nos 1.209 €/m², o que supón un encarecemento interanual do 19,1%.

Por tipo de inmoble, producíronse 2.047 compravendas de pisos, un 18,5% máis que en abril de 2024, e 714 de vivendas unifamiliares, un 4% máis. 

O prezo medio dos pisos aumentou un 15,2%, ata alcanzar os 1.532 €/m², e o das unifamiliares situouse nos 772 €/m², un 19,4% máis que un ano antes.

Compravendas e prezos por autonomías

A compravenda de vivenda creceu en dez comunidades autónomas: Galicia (14,4%), Cataluña (11,3%), Aragón (11,3%), País Vasco (10,8%), Asturias (9,1%), Murcia (9,1%), Castela e León (5,7%), Castela-A Mancha (4,1%) Comunidade Valenciana (1,9%) e A Rioxa (0,3%). E reduciuse en sete: Canarias (-17,6%), Madrid (-11,8%), Navarra (-6,7%), Baleares (-4,5%), Estremadura (-4,0%), Cantabria (-3,0%) e Andalucía (-1,2%).

En canto aos prezos do m², encareceron en 14 comunidades autónomas: Galicia (19,1%), Murcia (17,5%), Madrid (17,5%), Aragón (11,5%), Canarias (10,7%), Castela e León (9,7%), Comunidade Valenciana (8,1%), Baleares (7,9%), Castela-A Mancha (7,6%), Cataluña (5,4%) e Navarra (4,2%). Os prezos abarataron en Estremadura (-2,4%), A Rioxa (-1,2%) e País Vasco (-0,5%).

Polo que respecta á superficie media da vivenda en España, aumentou un 0,7% interanual. Incrementouse no País Vasco (5,1%), Canarias (4,7%), Baleares (4,1%), Comunidade Valenciana (2,6%), Asturias (2,1%), Andalucía (1,7%), Castela-A Mancha (1,5%), A Rioxa (1,4%) e Madrid (0,3%). Reduciuse en Navarra (-7.6%), Estremadura (-5,1%), Galicia (-3,2%), Canarias (-1,4%), Castela e León (-1,1%), Cataluña (-0,9%), Murcia (-0,6%) e Aragón (-0,4%).

Crecen os préstamos hipotecarios

En abril pasado concedéronse en Galicia 1.282 préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, un 24,3% máis que en abril de 2024. A contía media destes préstamos subiu un 11,3% interanual, ata alcanzar os 128.297 euros. 

Un 46,4% das compras de vivendas financiouse mediante un préstamo hipotecario, fronte a un 53,1% de media no conxunto de España. Ademais, a contía do préstamo supuxo na Comunidade galega unha media do 74,1% do prezo, por un 72,5% de media estatal.

Os préstamos hipotecarios para adquirir vivenda creceron en 13 autonomías: Galicia (24,3%), A Rioxa (24,0%), Aragón (23,8%), Murcia (19,7%), Cataluña (19,3%), Comunidade Valenciana (18,5%), Asturias (13,2%), País Vasco (12,3%), Castela e León (10,7%) e Cantabria (10,1%), Estremadura (8,2%), Castela-A Mancha (7,1%) e Andalucía (4,3%). Decreceron en Navarra (-18,7%), Canarias (-3,4%), Baleares (-1,1%) e Madrid (-1,0%).

En canto á contía media dos novos préstamos, aumentou en 15 comunidades e decreceu en dúas.

Incremento da constitución de sociedades

Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado tamén revelan que en abril de 2025 se constituíron en Galicia 465 sociedades, un 2,4% máis que un ano antes. No conxunto de España, a constitución de novas sociedades creceu un 2,3% interanual. Por territorios, aumentou en nove autonomías e decreceu en oito.

Os datos dos últimos tres meses das series desta nota son provisionais ata dispoñer do 100% da información con que se elaboran estes informes.
 

Documentos

Download Compravendas, préstamos e sociedades Galicia - Abril 2025.docx