A compravenda de vivendas por estranxeiros crece un 14,3% en Galicia - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
A compravenda de vivendas por estranxeiros crece un 14,3% en Galicia de xaneiro a xuño
• Neste período realizáronse 1.072 operacións, e os prezos subiron un 0,6% fronte a un 7,6% de media estatal, ata alcanzar o 1.034 €/m²

16/10/2025
A Coruña, 16 de outubro de 2025. A compravenda de vivenda libre por parte de estranxeiros aumentou en Galicia un 14,3% interanual no primeiro semestre de 2025, máis de dez puntos máis por encima do primeiro semestre de 2024 (13,4%). Foi, ademais, a terceira autonomía onde máis creceron estas transaccións.
Neste período efectuáronse na comunidade galega 1.072 compravendas, fronte ás 938 do mesmo período do ano anterior, o que supón a cifra máis alta desde 2007. A compravenda por estranxeiros non deixou de crecer de forma sostida en Galicia desde 2016, salvo no primeiro semestre de 2020 e o segundo de 2023.
En canto ao conxunto de España, o crecemento foi do 2% interanual ata alcanzar 71.155 operacións, que representan un 19,3% do total de compravendas neste primeiro semestre, fronte ao 20,3% do primeiro semestre de 2024 e o 21,3% de 2023.
A compravenda de vivenda libre por parte de estranxeiros aumentou en 13 das 17 comunidades autónomas. Os maiores crecementos interanuais foron os de Asturias (30,8%), Castela e León (25,9%), Galicia (14,3%), Castela-A Mancha (11,7%), Estremadura (10,6%), Aragón (10,4%) e A Rioxa (9,9%). Con avances máis moderados figuran Cataluña (7,1%), Andalucía (6,0%), Cantabria (5,5%), Murcia (3,1%), País Vasco (2,4%) e Madrid (0,1%).
Pola contra, as operacións decreceron en Canarias (-7,7%), Baleares (-6,8%), Navarra (-3,7%) e Comunidade Valenciana (-3,6%), o que contrasta cos aumentos xeneralizados rexistrados no semestre anterior.
Os estranxeiros residentes sosteñen o crecemento de compravendas
Os estranxeiros residentes realizaron o 60,9% das compravendas rexistradas en toda España no primeiro semestre de 2025, cun incremento do 6,4%, mentres que os non residentes asumiron o 39,1% restante, rexistrando neste caso un retroceso do 4,1%.
En consecuencia, o crecemento das compravendas de estranxeiros na primeira metade de 2025 explícase fundamentalmente polo aumento das operacións de residentes, fronte ao retroceso observado nos non residentes.
Diferenzas en prezos entre autonomías e por tipo de comprador
O prezo por metro cadrado nas operacións rexistradas en Galicia aumentou un 0,6% interanual no primeiro semestre deste ano, ata situarse no 1.034 €/m², o que o converte no sexto máis barato de todas as autonomías.
Os prezos aumentaron en 15 comunidades autónomas, con incrementos destacados en Madrid (17,1%), A Rioxa (16,3%), Canarias (14,1%), Murcia (12,2%), Cataluña (10,9%), Comunidade Valenciana (9,3%) e Baleares (9,0%). Por baixo da media situáronse Navarra (6,5%), Castela-A Mancha (6,2%), Aragón (5,4%), Asturias (5,0%), País Vasco (3,4%), Andalucía (2,9%), Castela e León (1,1%) e Galicia (0,6%). Diminuíron en Estremadura (-3,5%) e Cantabria (-2,8%).
No conxunto de España, o prezo media por metro cadrado das operacións realizadas por compradores estranxeiros no primeiro semestre de 2025 situouse en 2.417 €/m², un 7,6%máis que no mesmo período de 2024. Os estranxeiros non residentes seguen pagando importes maiores polas súas vivendas (3.126 €/m²) que os estranxeiros residentes (1.912 €/m²) e os nacionais (1.809 €/m²).
O prezo medio pagado por estranxeiros non residentes aumentou un 8,0% interanual, mentres que o dos estranxeiros residentes incrementouse un 10,3%. O comprador español situouse entre ambos, cun crecemento do 9,1% no mesmo período.
Reino Unido, Marrocos e Alemaña lideran as compravendas
No primeiro semestre de 2025, as compravendas realizadas por estranxeiros non residentes concentráronse na Comunidade Valenciana, con 11.025 operacións (39,6%). Andalucía ocupou a segunda posición con 6.733 (24,2%), seguida de Canarias (2.666; 9,6%), Cataluña (2.351; 8,4%) e Murcia (2.121; 7,6%). Baleares achegou o 6,6% e Madrid o 2,0%, mentres que o resto de territorios rexistraron cotas inferiores ao 1%.
Entre os estranxeiros residentes, a Comunidade Valenciana liderou con 9.515 operacións (22,0%), seguida de Cataluña (8.909; 20,6%), Andalucía (6.677; 15,4%) e Madrid (4.620; 10,7%). Cunha participación intermedia situáronse Castela-A Mancha (4,7%), Canarias (4,5%) e Murcia (4,2%). O resto de comunidades non superaron o 4% do total de operacións de residentes.
Por nacionalidade, o maior número de compravendas no primeiro semestre de 2025 correspondeu novamente a compradores de Reino Unido, con 5.731 operacións (8,1% do total), seguidos de Marrocos con 5.654 (7,9%) e Alemaña con 4.756 (6,7%).
O grupo que engloba ao resto de compradores extra comunitarios rexistrou 8.545 operacións, equivalente ao 12,0% do total, mantendo un peso relevante dentro do mercado.
A distribución territorial por nacionalidade evidencia diferenzas segundo o tipo de residencia. Entre os estranxeiros non residentes, as nacionalidades con maior peso son Reino Unido, Alemaña, Países Baixos e Bélxica, que concentran a maior parte das compravendas.
O Reino Unido concentra unha parte substancial das operacións de compravenda da Murcia (28,7%), Andalucía (15,5%) e Baleares (10,9%), mentres que Alemaña concentra gran parte das operacións en Baleares (50,0%) e Estremadura (29,6%), e tamén suma en Canarias (22,0%), Galicia (13,6%), Cantabria (13,0%), Navarra (11,1%), Castela-A Mancha (9,3%) e Cataluña (8,5%).
Países Baixos destaca en Murcia (15,2%), Comunidade Valenciana (14,9%) e Andalucía (11,8%); e Bélxica mostra pesos relevantes en Aragón (12,8%), Asturias (11,7%) e Comunidade Valenciana (10,5%).
Entre os residentes, Marrocos concentra cotas moi elevadas na Murcia (38,7%), Navarra (37,0%), A Rioxa (26,8%), Estremadura (23,5%), Castela-A Mancha (21,3%), Andalucía (19,9%) e Aragón (19,4%), e tamén alcanza pesos significativos en Castela e León (15,2%), Cataluña (12,1%) e País Vasco (9,2%).
Romanía rexistra porcentaxes destacadas en Aragón (29,5%), Castela-A Mancha (26,2%), A Rioxa (20,9%), Cantabria (13,3%), Castela e León (12,4%), País Vasco (12,2%), Madrid (10,5%) e Comunidade Valenciana (9,3%).
Italia presenta especial presenza en Canarias (22,5%) e Illas Baleares (15,4%), con cotas de dous díxitos en Madrid (12,2%) e Cataluña (12,1%); ademais, mantén participación en Galicia (7,5%). Reino Unido alcanza pesos relevantes en Andalucía (12,0%), Murcia (11,1%), Baleares (9,5%) e Canarias (7,5%).
Peso das compravendas de estranxeiros por C.A. e tipo de residencia en 1S25

Fonte: CIEN
En termos interanuais (1S 2025 vs. 1S 2024), de entre os países con máis compravendas, destacaron as alzas de Portugal (22,8%), Países Baixos (18,6%) e Estados Unidos (14,3%), así como Colombia (6,6%), Venezuela (6,3%), Bulgaria (6,2%) e Ucraína (4,5%).
En cambio, rexistráronse descensos máis marcados en Rusia (-17,4%), Polonia (-11,1%), Arxentina (-7,6%) e Bélxica (-5,6%).
En prezos, os importes medios por metro cadrado máis elevados corresponderon a Estados Unidos (3.465 €/m²), Suíza (3.457 €/m²), Suecia (3.421 €/m²), Noruega (3.292 €/m²) e Alemaña (3.270 €/m²).
Tamén rexistraron prezos por encima da media de compradores estranxeiros (2.417 €/m²) nacionalidades como Polonia, Francia, Países Baixos, Bélxica, Italia, Rusia, Irlanda e Reino Unido, mentres que os valores máis baixos observáronse en Marrocos (747 €/m²), Romanía (1.325 €/m²) e Ecuador (1.328 €/m²).