O Foro Galicia de Discapacidade celebra a súa terceira reunión de traballo - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
O Foro Galicia de Discapacidade celebra a súa terceira reunión de traballo
Vázquez subliñou a “utilidade destes encontros para axuntar” o esforzo de todos os seus integrantes na atención á discapacidade

17/10/2025
A Coruña, 16 de outubro de 2025. Ao termo da terceira reunión de traballo do Foro de Discapacidade de Galicia, celebrada onte na sede coruñesa do Colexio Notarial, a delegada da Fundación Aequitas en Galicia e notaria de Santa Comba, Fátima Vázquez, resaltou a crecente achega dos representantes das entidades sociais e institucións públicas participantes na posta en común e debate sobre os problemas que afectan ás persoas con discapacidade na súa vida diaria.
Vázquez subliñou a “utilidade do Foro para axuntar” o esforzo de todos os seus integrantes na atención á discapacidade.
Ao comezo do encontro, a notaria repasou as xestións realizadas o pasado mes de xuño ante as entidades financeiras para buscar solución ás dificultades que sofren as persoas con discapacidade no seu acceso á operativa bancaria.
A este respecto, resaltou a actitude colaborativa que mostraron os responsables bancarios e o seu interese en desenvolver protocolos e formar aos seus empregados na atención a estas persoas e os seus familiares.
Pola súa banda, a notaria de Santiago Inmaculada Espiñeira describiu os mecanismos legais para procurar a integración e a asistencia ás persoas con discapacidade e o desenvolvemento da súa capacidade xurídica, como as escrituras de medidas voluntarias, os poderes preventivos e de subsistencia, as autocuratelas ou o patrimonio protexido, importantes instrumentos de axuda para favorecer a calidade de vida das persoas con discapacidade e responder a futuras doenzas psíquicas, como o Alzhéimer e outras demencias.
Así mesmo, expúxose como estas figuras legais poden axudar aos guardadores de feito a prestar ás persoas con discapacidade o apoio que precisan.
O notario de Vigo José Luis Espinosa referiuse aos problemas que comporta a discapacidade no referente á sucesión, como o outorgamento de testamentos, a designación por parte dos constituíntes do patrimonio protexido dos posibles beneficiarios á súa extinción e os mecanismos de avaliación do grao de discernimiento das persoas.
Tamén se avaliou a posibilidade de organizar charlas orientadoras na sede de asociacións ou institucións representativas sobre aquelas cuestións que máis lles preocupen.
Dados os danos colaterais que xerou a Lei 8/2021 ás persoas con discapacidade no ámbito da Seguridade Social e na Administración Tributaria, estudouse como expoñer, por parte do movemento asociativo, un dossier conxunto que recolla claramente estes efectos indesexables para informar sobre eles ás citadas administracións.
Por parte da Fundación Aequitas asistiron á convocatoria do Foro Francisco González Ruiz, adxunto á dirección; Fátima Vázquez e Lucía Cagigas, delegada e subdelegada autonómica respectivamente; así como os notarios colaboradores Inmaculada Espiñeira e José Luis Espinosa.
Na sesión participaron representantes do movemento asociativo (Dano Cerebral, Autismo Galicia, Federación Galega de Alzheimer, Cermi, Fundación Sálvora, FAXPG, Feafes, Fademga, Down Galicia, Aspace, Funga), e institucional (Universidade e Concello da Coruña, Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, Colexio de Procuradores), xuíces e fiscais.