Impulso ao contrato de vitalicio que favorece o coidado dos maiores na casa - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
Impulso ao contrato de vitalicio que favorece o coidado dos maiores na casa
A Xunta anuncia unha rebaixa de ata máis do 50% no gravame para os maiores de 65 anos cunha discapacidade mínima dun 33% que se acollan a esta medida alternativa á residencia. O decano do Colexio Notarial salienta a “función social” desta figura propia de Galicia que procura a atención integral no fogar e que suporá un aforro para as administracións

28/10/2025
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2025. O decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño, confía en que os incentivos fiscais de ata máis do 50% que aplicará a Xunta en 2026 nos contratos de vitalicio impulsen a difusión desta figura propia de Galicia que garante o coidado integral aos maiores e dependentes na casa.
Graíño foi recibido esta mañá polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, que lle explicou polo miúdo o xeito en que o Goberno galego recolle unha demanda do colectivo notarial, preocupado polo avellentamento progresivo da sociedade.
O contrato de vitalicio que prevé o Dereito Civil de Galicia, é un acordo polo que unha persoa cede os seus bens a un terceiro a cambio de que este lle preste coidados e o asista de por vida.Esta obriga inclúe proporcionar vivenda, alimentación, vestido, asistencia médica e farmacéutica e acompañamento no sentido máis amplo e nun réxime de convivencia permanente na propia vivenda do cedente.
Segundo explicou o conselleiro, os beneficiarios dos incentivos fiscais aplicados a este contrato serán persoas maiores de 65 anos, cunha discapacidade mínima dun 33% e que precisen coidados, pero sen estar nunha residencia.
O aforro pode chegar ata máis do 50 % grazas á baixada en tres impostos: a rebaixa á metade (do 8% ao 4%) no tipo do Imposto de Transmisións Patrimoniais; a equiparación da tributación de parentes próximos no Imposto Doazóns, polo que o aforro poder superar o 50%, e a eliminación da tributación da garantía de reintegro no Imposto de Actos Xurídicos Documentados.
Interese social público e privado
O decano do Colexio Notarial salienta que o contrato de vitalicio cumpre unha función social na que“conflúen o interese privado de recibir asistencia na casa co interese xeral da Administración”, para a que suporía un aforro de custes en prazas residenciais.
Para Graíño, o alcance social desta figura legal vai aínda más aló, xa que pode “promover a autonomía da vontade das persoas maiores ou dependentes, conservar o arraigo na súa contorna vital, evitar a súa soidade, activar a relación e a solidariedade interxeracional entre os que reciben os coidados e os seus coidadores e contribuír a dinamizar a Galicia baleirada”.
O máximo representante do Notariado en Galicia precisa que frecuentemente a vivenda propia é o “único medio” con que contan as persoas maiores para asegurarse os coidados necesarios na última etapa da súa vida.