A compravenda de vivenda crece en agosto un 4,2% en Galicia e descende un 1,3% en España - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
A compravenda de vivenda crece un 4,2% en Galicia e descende un 1,3% en España
Foi a segunda comunidade autónoma con maior incremento de préstamos hipotecarios, cun 16,8% fronte á media estatal do 3,3%, e o prezo do m² encareceu un 8,4%

30/10/2025
A Coruña, 30 de outubro de 2025. En agosto de 2025, con respecto a agosto de 2024, a compravenda de vivendas aumentou en Galicia un 4,2%, mentres que no conxunto de España se rexistrou unha caída do 1,3% no número de operacións.
Foi, ademais, a segunda comunidade autónoma con maior incremento de préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, cun 16,8% fronte á media estatal do 3,3%; e o prezo do m² encareceu un 8,4%, tamén por encima da media.

Máis compravendas e a maior prezo
En agosto efectuáronse na comunidade autónoma 2.052 compravendas de vivenda e o prezo medio creceu un 8,4%, ata o 1.156 €/m². Por tipo de inmoble, producíronse 1.405 compravendas de pisos, un 3,8% máis que no mesmo mes do ano anterior, e 647 de vivendas unifamiliares, un 15,1% máis.
O prezo medio dos pisos aumentou un 6,6%, ata alcanzar os 1.495 €/m², e o das unifamiliares situouse no 785 €/m², un 17,6% máis que un ano antes.
A compravenda de vivenda creceu en oito comunidades autónomas e reduciuse en nove. Destacan os incrementos de Castela e León (12,6%), Aragón (11,8%), Estremadura (11,5%) e País Vasco (9,0%) e, no polo oposto, as caídas en Madrid (-14,5%), Baleares (-9,5%), Navarra (-7,0%) e Comunidade Valenciana (-5,7%).
En canto ao custo do m², o incremento medio estatal foi do 5,6% interanual. Os prezos encareceron en 15 autonomías, en todas elas por encima da media, e abarataron en Castela-A Mancha (-12,8%) e Asturias (-3,1%).
Aumento dos préstamos
En agosto pasado concedéronse en Galicia 944 préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, un 16,8%máis que en agosto de 2024, e por encima da media española do 3,3%.
A contía destes préstamos subiu na comunidade autónoma un 1,4% interanual, ata alcanzar os 126.911 euros.
Un 46% das compras de vivendas financiouse mediante un préstamo hipotecario, fronte a un 54,9% no conxunto de España. Ademais, a contía do préstamo supuxo en Galicia unha media do 75,8% do prezo, por un 73,9% de media estatal.
O número de hipotecas creceu en 11 autonomías, e a contía media, en todas elas.
Incremento da constitución de sociedades
Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado tamén revelan que en xullo de 2025 constituíronse na comunidade autónoma 293 sociedades, o que supón un aumento do 12,3% interanual, fronte a unha media estatal do 4,7%.
A creación de novas sociedades aumentou en 12 das 17 comunidades autónomas.
Os datos dos últimos tres meses das series desta nota son provisionais ata dispoñer do 100% da información con que se elaboran estes informes.