TESTAMENTOS E HERDANZAS - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null TESTAMENTOS E HERDANZAS

Case 28.000 testamentos autorizados en Galicia no primeiro semestre do ano

É a comunidade autónoma con maior taxa de documentos asinados, con 195 por cada 10.000 habitantes en 2024

31/10/2025

A Coruña, 31 de outubro de 2025. Nas notarías de Galicia autorizáronse no primeiro semestre deste ano 27.852 testamentos, a cifra máis alta contabilizada ata o de agora nese período de tempo.

A provincia na que se rexistraron máis documentos nese primeiro semestre é A Coruña, con 12.106, seguida de Pontevedra, con 9.397; Lugo, con 3.643; e Ourense, con 2.706.

Aínda que en termos absolutos Galicia é a quinta comunidade autónoma en número total de testamentos asinados cada ano, tradicionalmente é na que se outorga a maior taxa consonte a súa poboación. En 2024, rexistráronse nas notarías galegas 195 por cada 10.000 habitantes, seguida a grande distancia por Asturias, con 181, e País Vasco, con 178.

Facer testamento é recomendable a calquera idade, porque achega seguridade xurídica, garante o respecto á vontade e intereses do testador e contribúe a evitar problemas sucesorios entre os posibles herdeiros. 

Un procedemento sinxelo e económico

Para facer testamento basta con acudir co DNI á notaría, onde de modo gratuíto infórmaselle e asesóraselle xuridicamente ao testador para adecuar a súa vontade á lei. O testamento notarial é un documento moi económico, cun custo medio de entre 40 e 50 euros.

Cando morre un familiar é necesario facer unha consulta ao rexistro xeral de últimas vontades (pódese facer por internet) para saber se fixo testamento. De ser así, notificarase o notario que o custodia, ao que haberá que acudir para dispoñer dunha copia e saber que se herdou.

No testamento pódense incluír outras moitas disposicións, entre elas o recoñecemento de fillos, a designación de titores en caso de falecemento ou o nomeamento dunha persoa como testamenteiro dixital, para que se encargue, por exemplo, de pechar as contas do testador nas redes sociais.

Herdar sen testamento

Se a persoa faleceu sen outorgar testamento, unha situación legalmente denominada ab intestato, serán o Código Civil ou a lexislación civil das comunidades autónomas os que determinen a quen corresponde herdar, seguindo unha orde de parentesco.

A declaración de herdeiros ab intestato é máis complexa e custosa que un testamento: é preciso acudir ao notario cunha serie de documentos e dúas testemuñas que coñezan á familia do falecido e que, en caso de ser parentes, non teñan interese directo na declaración.

Aínda que nos últimos anos este tipo de procedementos mantivéronse estables, as herdanzas adxudicadas a partir de testamento triplican ás de ab intestato.

Por último, e polo que respecta ao desherdamento, a lei recoñece poucos casos nos que se poida desherdar a un fillo. As causas máis comúns que permiten facelo son que aquel lle negue o alimento ao seu proxenitor e/o o someta a malos tratos psíquicos ou físico.

 


Os datos do primeiro semestre son provisionais ata dispoñer do 100% da información coa que se elabora esta nota
 

Documentos

Download Testamentos e herdanzas 2021-2024 por provincias.xlsx