A compravenda de vivendas decreceu en marzo un 7,2% en Galicia - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
A compravenda de vivenda decrece un 7,2% en Galicia e suma a súa terceira caída consecutiva
O prezo do m² sobeu na comunidade autónoma un 6,4% interanual e os préstamos para adquisición de vivenda diminuíron un 3,2%. No conxunto de España as operacións caeron un 4,7%, os prezos incrementáronse un 7% e as hipotecas un 0,3%

27/05/2026
A Coruña, 28 de maio de 2026. En marzo de 2026, con respecto a marzo de 2025, a compravenda de vivendas decreceu en Galicia un 7,2%, a terceira caída mensual consecutiva respecto ao ano anterior.
Este descenso de operacións acompáñase dunha redución do 3,2% na concesión de préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda e dun encarecemento do 6,4% no prezo do m².
No conxunto de España, o descenso de compravendas foi do 4,7% interanual, o prezo do m² subiu un 7% e as hipotecas creceron un 0,3%.
Menos compravendas a maior prezo
En marzo efectuáronse na comunidade autónoma 2.429 compravendas de vivenda e o prezo medio foi de 1.223 €/m², un 6,4% máis caro que un ano antes.
Por tipo de inmoble, a compravenda de pisos caeu na comunidade autónoma un 11,9% interanual (con 1.692 operacións), mentres que a de vivendas unifamiliares creceu un 5,8% (737 transaccións). O prezo medio dos pisos subiu un 12,8% ata o 1.617 €/m² e o das unifamiliares aumentou un 2,4% situándose en 783 €/m².
O descenso medio das operacións inmobiliarias (-4,7%) reflectiuse nunha evolución desigual por autonomías. As compravendas creceron en catro comunidades e diminuíron en 13. Os aumentos rexistráronse en Castela-A Mancha (8,2%), Estremadura (4,8%), Aragón (4%) e Madrid (0,1%). As caídas máis destacadas déronse en Navarra (-33,4%), Baleares (-17,8%) e Canarias (-13,7%).
En canto aos prezos, encareceron en 15 autonomías e diminuíron en dúas. As subidas máis elevadas rexistráronse en Asturias (22,2%), Comunidade Valenciana (17,9%) e Canarias (14,5%), e as baixadas na Rioxa (-9,5%) e Navarra (-6,8%).
Menos préstamos para vivenda
En marzo pasado concedéronse en Galicia 1.279 préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, un 3,2% menos que en marzo de 2025, e por baixo da media española do 0,3%.
A contía media destes préstamos subiu na comunidade autónoma un 14,6% interanual, ata alcanzar os 138.038 euros.
Un 52,7% das compras de vivendas financiouse mediante un préstamo hipotecario, fronte a un 53,8% de media no conxunto de España. Ademais, a contía do préstamo supuxo en Galicia unha media do 73,3% do prezo, por un 72,1% de media española.
Os préstamos para adquirir vivenda decreceron en 11 autonomías, especialmente en Navarra (-28,8%), Canarias (-12,4%) e A Rioxa (-12,3%).
Cae a constitución de sociedades
Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado tamén revelan que en marzo de 2026 constituíronse en Galicia 489 sociedades, o que supón unha baixada do 4,9% interanual, fronte a un aumento medio en España do 8,9%. A creación de novas sociedades aumentou en 13 autonomías, destacando as alzas na Rioxa (57,1%), Canarias (45%) e Estremadura (38,9%), mentres que retrocedeu en catro comunidades autónomas, lideradas polo País Vasco (-9,9%).
Os datos dos últimos tres meses das series desta nota son provisionais ata dispoñer do 100% da información con que se elaboran estes informes.