SETE ANOS DE LEI DE CRÉDITO INMOBILIARIO - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade
Noticias
Buscador
Galicia, comunidade con maior porcentaxe de hipotecas contratadas por mulleres
• Destaca tamén o arraigamento da contratación compartida: o 54,1% das súas hipotecas asínanse con dous debedores, e o 2%, con tres, por encima da media española • É o segundo territorio con menor presenza de prestameiros estranxeiros, cun 4,2% do total de operacións • Desde xuño de 2019 tramitáronse nas notarías galegas preto de 90.000 créditos hipotecarios

16/06/2026
A Coruña, 16 de xuño de 2026. Galicia é a comunidade autónoma onde maior porcentaxe de mulleres contratan préstamos hipotecarios para adquisición de vivendas e inmobles: un 49,1% que a achega á paridade neste tipo de operacións, por encima da media española do 48,2%.
Ademais, a comunidade autónoma rexistra a segunda maior proporción de contratación familiar ou compartida, posto que o 54,1% das hipotecas asínanse con dous debedores, e o 2%, con tres, por encima da media española do 52,2% e 1,6%, respectivamente.
Así se reflicte no Informe elaborado polo Centro de Información Estatística do Notariado sobre a Lei Reguladora dos Contratos de Crédito Inmobiliario (LCCI), que entrou en vigor o 16 de xuño de 2019.
Desde esa data, as notarías galegas consolidaron o dereito do consumidor a recibir un asesoramento imparcial e gratuíto a través das actas de transparencia precontractual, e formalizaron 89.931 préstamos hipotecarios para adquisición de vivendas e inmobles, unha cifra que representa o 3,6% das 2.465.371 operacións rexistradas no conxunto de España entre xuño de 2019 e 2025.
Baixo investimento estranxeiro
O perfil dos contratantes complétase coa súa desagregación por nacionalidade. A este respecto, o mercado hipotecario galego apenas atrae o investimento foráneo. A presenza de prestameiros de nacionalidade española alcanza o 95,8%, convertendo a Galicia na segunda autonomía con menor taxa de compradores estranxeiros. Estes só representan un 4,2% do total de operacións, moi lonxe da media estatal do 11,8% e só por encima do 2,9% da comunidade estremeña.
Actas de transparencia
“A Lei 5/2019 recoñeceu nos notarios unha figura clave para manter o equilibrio entre as partes nos contratos de crédito inmobiliario, introducindo esta reunión previa co prestameiro na que lle explica as condicións do que vai asinar, responde as súas dúbidas e finalmente levanta unha acta de transparencia, o cal é relevante, especialmente naqueles casos onde pode existir de inicio unha asimetría de información entre entidade financeira e o prestameiro”, sinala María Teresa Barea, voceira do Consejo General del Notariado.
“A intervención notarial non só verifica o cumprimento de requisitos legais, senón que introduce unha capa de protección que prevén efectos indesexables, mitiga riscos e asegura que o prestameiro teña unha oportunidade real de tomar decisións informadas”, puntualiza.