A compravenda residencial retrocede un 1,6% na Comunidade Galega - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null A compravenda residencial retrocede un 1,6% na Comunidade Galega

O prezo da vivenda en Galicia disparouse un 13,7% en xuño

• Foi a comunidade autónoma con menor descenso interanual de compravendas entre as 13 nas que se reduciron • Os préstamos para adquisición de vivenda diminúen un 4,8% e a constitución de novas sociedades crece un 3,5%

27/08/2026

A Coruña, 27 de agosto de 2026. En xuño de 2026, con respecto a xuño de 2025, a compravenda de vivendas en Galicia experimentou un descenso interanual do 1,6%, unha baixada moderada que se sitúa por baixo da media estatal (-4,0%).

Este lixeiro descenso no número de operacións contrasta cun notable incremento do 13,7% no prezo do m² e unha redución do 4,8% na concesión de préstamos hipotecarios destinados á adquisición de vivenda.

No conxunto de España os prezos increméntanse un 8,8% e as hipotecas para vivenda soben un 0,2%.

Menos compravendas a maior prezo

En xuño efectuáronse na comunidade autónoma 2.636 operacións de compravenda, situándose o prezo medio en 1.333 €/m², o que representa un encarecemento do 13,7% respecto ao mesmo mes do ano anterior.

Por tipo de inmoble, a compravenda de pisos caeu en Galicia un 3,8% interanual (cun total de 1.847 operacións), mentres que a de vivendas unifamiliares creceu un 3,9% (con 789 transaccións). O prezo medio dos pisos subiu un 18,4% ata alcanzar o 1.838 €/m², e o das unifamiliares aumentou un 13,2%, situándose en 827 €/m².

O descenso das operacións inmobiliarias afectou a 13 comunidades autónomas, en especial ao País Vasco (-14,2%) e A Rioxa (-12,5%), en tanto que os aumentos producíronse en Navarra (18,6%), Comunidade Valenciana (7,9%), Cantabria (5,4%) e Castela e León (4,8%).

En canto aos prezos, encareceron en 15 delas, sobre todo en Cantabria (41,6%), Murcia (22,1%) e Comunidade Valenciana (21,0%), e só abarataron en Baleares (-2,0%) e Navarra (-0,4%).

Menos préstamos para vivenda

En xuño pasado concedéronse en Galicia 1.283 préstamos hipotecarios para adquisición de vivenda, o que supón un 4,8% menos que en xuño de 2025, unha caída algo máis intensa que a rexistrada de media en España (0,2%).

A contía media destes préstamos experimentou un incremento do 9,8% interanual, situándose en 144.693 euros.

Un 48,7% das compras de vivendas na comunidade autónoma financiáronse mediante un préstamo hipotecario, por baixo do 53,7% de media estatal. Ademais, a contía do préstamo representou de media o 74,4% do valor de adquisición do inmoble, fronte ao 72,3% no conxunto do Estado).

As hipotecas para vivenda creceron en sete autonomías -principalmente na Comunidade Valenciana (11,6%) e Murcia (7,6%)- e decreceron en dez delas, entre as que destacan as caídas no País Vasco (-15,0%), Cantabria (-9,6%) e A Rioxa (-7,7%).

Lixeiro aumento na constitución de sociedades

Os datos do Centro de Información Estatística do Notariado reflicten que en xuño de 2026 constituíronse en Galicia 416 novas sociedades, o que representa un incremento do 3,5% en comparación con xuño do ano anterior, acompañando a tendencia positiva estatal (2,1%).

A creación de sociedades aumentou en nove autonomías -destacando as alzas en Asturias (40%), Navarra (30,4%) e Aragón (21,5%)- e diminuíu en oito, entre as que sobresaen, ademais de Castela León, os descensos de Baleares (-11,4%) e Cantabria (-8,5%).

 

Os datos dos últimos tres meses das series desta nota son provisionais ata dispoñer do 100% da información con que se elaboran estes informes.
 

Documentos

Download 202608 Series_datos_CIEN_hasta_jun 26.xlsx