REFORMA DA LEI GALEGA DE DEREITO CIVIL - Colegio Notarial de Galicia

Actualidade

Noticias

Buscador

null REFORMA DA LEI GALEGA DE DEREITO CIVIL

A Xunta presenta a proposta notarial para reformar a Lei de Dereito Civil de Galicia

O documento, articulado en máis de 200 preceptos, responde á necesidade de “implementar melloras técnicas detectadas na práctica diaria” notarial, impulsar o desenvolvemento normativo autóctono e ofrecer respostas xurídicas adaptadas ás realidades socioeconómicas actuais.

17/09/2026

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2026. O decano do Colexio Notarial de Galicia, José María Graíño Ordóñez, entregou onte ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo Pouso, e ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, unha proposta de reforma e actualización parcial da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de Dereito Civil de Galicia (LDCG).

A proposta, redactada pola Comisión de Dereito Civil do Colexio Notarial de Galicia a pedimento do Gobierno autonómico, culmina cinco anos de traballo individual dos relatores asignados a cada parte do texto e preto de 60 sesións conxuntas de intenso debate xurídico entre todos os seus integrantes. 

O decano explicou que o documento, articulado en máis de 200 preceptos, responde á necesidade de “implementar melloras técnicas detectadas na práctica diaria” notarial, impulsar o desenvolvemento normativo autóctono e ofrecer respostas xurídicas adaptadas ás realidades socioeconómicas actuais.

Pola súa banda, Diego Calvo sinalou que a proposta de reforma obedece á necesidade de adaptar unha normativa do ano 2006, e que foi revisada por última vez en 2017, ás novas necesidades sociolóxicas e tecnolóxicas e ao dereito internacional, e de prestar especial atención á protección das persoas con discapacidade, idade avanzada ou en situación de soidade non desexada.

Entre os cambios propostos figura o do reforzo do contrato de vitalicio, para que as persoas que entregan parte do seu patrimonio a cambio de recibir alimentos, asistencia e
coidados durante toda a súa vida teñan a seguridade de que ese compromiso se vai cumprir.

Búscase tamén que estas relacións estean mellor cuantificadas e definidas desde o principio, ademais de reforzar as posibilidades de reacción ante un incumprimento permitindo a resolución do contrato.

Por outra banda, quérese reforzar a seguridade xurídica das parellas de feito, coa incorporación dun novo título na norma dedicado de xeito específico a esta realidade familiar, xa consolidada.

Entre as modificacións figura que os membros da parella poidan pactar as súas relacións económicas, o recoñecemento expreso do traballo no fogar e, en caso de falecemento, o recoñecemento dos mesmos dereitos que a lei atribúe aos cónxuxes viúvos.

Dereito sucesorio

Os principais cambios propostos céntranse no dereito de sucesións. Neste eido mantéñense instrumentos fundamentais como o testamento, os pactos sucesorios e a propia lei, reforzando a capacidade das persoas para organizar en vida como queren que se distribúa o seu patrimonio e asentando a autonomía da vontade no proceso sucesorio.

Adáptase tamén a lei galega á normativa de apoio ás persoas con discapacidade e ao dereito europeo.

Como novidade, incorpórase unha regulación específica do patrimonio dixital, como páxinas web, contas en liña, perfís en redes sociais ou activos financeiros virtuais.

A proposta define que debe entenderse por patrimonio dixital e establece regras sobre a súa titularidade e xestión despois do falecemento: como actuar ante os que prestan os servizos, determinar o acceso total aos contidos, decidir acerca do mantemento, modificación ou eliminación dos perfís persoais en redes sociais ou servizos equivalentes.

Ademais, permite que unha persoa poida decidir mediante testamento quen será titular deses bens dixitais e quen se encargará de xestionalos, incluíndo a posibilidade de nomear testamenteiros dixitais.

Entre as novidades destaca tamén a limitación da responsabilidade dos herdeiros aos bens da herdanza, de xeito que se compatibiliza a suficiente protección dos acredores coa das persoas herdeiras, e a posibilidade de renuncia da lexítima en vida.

Identidade e realidade social

José María Graíño subliñou que a actualización que se propón “suporá unha axuda óptima e eficaz para una adecuada planificación sucesoria e permitirá evitar conflitos futuros”, e engadiu que o Dereito Civil de Galicia “representa unha manifestación contemporánea da capacidade da sociedade galega para ordenar xuridicamente a súa propia identidade e realidade social”.

Pola súa banda, o conselleiro incidiu en que a proposta de actualización ten como obxectivos primordiais que o Dereito Civil galego siga sendo capaz de protexer a maiores e persoas con discapacidade, dea seguridade xurídica ás novas formas de convivencia, permita organizar mellor a transmisión do patrimonio familiar e teña en conta a realidade dixital. 

A Comisión de Dereito Civil do Colexio Notarial de Galicia estivo integrada, ademais de por José María Graíño, polas notarias Carmen Alicia Calaza, da Estrada; María Inmaculada Espiñeira, de Santiago de Compostela; e María Isabel Louro, de Ourense; polos notarios José Luis Espinosa, de Vigo; Francisco Mariño, de Cervo-Burela; Francisco Ordóñez, da Coruña; e Víctor José Peón, tamén da Coruña;  e polo catedrático de Dereito Civil Miguel Ángel Pérez.

Documentos

Download NOVIDADES MÁIS RELEVANTES DA PROPOSTA DE REFORMA DA LDCG.pdf